O RCTC e a Clínica Oleiros selaron esta semana un acordo de colaboración que suporá vantaxes para todos os socios do Club e os seus familiares asociados.
O obxectivo desta nova alianza, que se fará efectiva a partir do 1 de marzo, é ofrecer a todos os membros do RCTC un servizo sanitario de referencia orientado á prevención e rehabilitación de lesións deportivas. Grazas a esta colaboración os socios do Club terán un desconto do 10% nos servizos de fisioterapia do centro da man de persoal altamente cualificado.
Carlos Casares, responsable da vocalía de tenis, destaca a relevancia deste acordo “xa que a Clínica Oleiros prestará, ademais, os seus servizos profesionais nos torneos (tenis e pádel) que se organicen nas instalacións do Club co obxectivo de ofrecer unha atención sanitaria de calidade aos xogadores, pre e post partido”.
Os interesados en concertar unha cita deberán solicitar previamente un volante na área de atención ao socio do Club que terá que ir asinado e selado pola entidade co fin de garantir a identidade do titular. Este documento tamén poderá enviarse por correo electrónico á dirección administracion@clinicaoleiros.com
En canto á xestión de citas, a Clínica Oleiros deixará pre-reservadas unhas horas os mércores (12:50h e 13:30h) e os xoves (17.30h e 18.10h) para atender ao RCTC. No caso de que os luns de cada semana non se cubran coas reservas dos nosos socios, a clínica disporá desas horas para o resto dos seus clientes.
Agradecemos a Clínica Oleiros este acordo que pon en valor a importancia do deporte na nosa saúde e o compromiso da nosa entidade de favorecer unha vida activa responsable, buscando sempre mellorar a calidade de vida de todos os deportistas. Confiamos que esta colaboración sexa duradeira e resulte positiva para ambas as partes.
Na imaxe: Ricardo Álvarez, presidente do RCTC e Carlos Casares, responsable da vocalía de tenis, xunto ao equipo de profesionais da Clínica.