Presentación
A sección de pádel nace no RCTC nos anos 90, coincidindo coa explosión deste deporte en España. É nesta década cando se inicia a construción das nosas 3 primeiras pistas e posteriormente, no 2016, cando se amplía a oferta até as actuais 5 pistas cubertas dispoñibles.
Ao longo destes anos o pádel foi evolucionando até converterse nun dos deportes de maior relevancia social do noso país. O RCTC non é unha excepción e o pádel é, despois do tenis, a principal actividade deportiva dos nosos socios.
Nas nosas pistas organizamos importantes torneos e eventos aínda que a cita ineludible por excelencia é o Torneo Estrella Galicia. O Estrella, que ten lugar durante a 1ª quincena de xullo, é un acontecemento cunha repercusión que vai moito máis alá da deportiva e probablemente o evento con máis parellas participantes de todos os celebrados en España. O RCTC ten previsto realizar ao longo do 2024 importantes melloras nas pistas como a iluminación LED que xa está en proceso de instalación.
Escola
A Escola de Pádel imparte clases orientadas a todo tipo de niveis e idades, tanto en grupo como individuais. Aínda que a maioría dos nosos alumnos son adultos, cada vez contamos cun maior número de nenos que se animan a probar este deporte.
Nela formáronse xogadores de primeiro nivel como Martín Sánchez ou Kiko González, dúas das palas galegas máis destacadas do panorama deportivo nacional. Das nosas pistas tamén saíron outros recoñecidos xogadores a nivel rexional e algúns dos mellores veteranos galegos.
O Club ofrece tamén bonos de clases con sesións dunha hora de duración para que o socio poida adestrar cunha maior flexibilidade e decidir o día e a hora na que encaixar mellor a súa clase.
Dossier informativo Escola Pádel 2023-24
Clases Partido
De forma complementaria á Escola os socios tamén dispoñen de adestramentos regulares, en grupos de 3 alumnos, orientados a mellorar a preparación da competición (corrección de erros tácticos, xogo en equipo, lectura dos rivais e do partido e elección de golpeo).
Competición
O RCTC conta actualmente con varios equipos que compiten en liga galega regular e na liga de veteranos. Ademais, ao longo do ano organízanse diferentes competicións sociais como o ranking de pádel, os maratóns e os torneos americanos, iniciativas que gozan de gran éxito entre os socios polo seu carácter distendido e socializador.
Responsable área pádel:
Martín Sánchez
Teléfono de Contacto: 630 78 59 32
Email: martin.sanchez@teniscoruna.com