O Club chegou a un acordo de colaboración con Martín Sánchez e Nacho Montenegro, responsables do circuíto Pádel ForYou, co obxectivo de dar un novo impulso á sección de pádel e potenciar o seu crecemento.
Martín, xogador de pádel profesional, e Nacho son amigos desde a infancia e foron socios do noso Club. Formáronse desde moi nenos nas nosas pistas, primeiro como tenistas e despois como padelistas, e actualmente seguen moi vinculados ao RCTC.
En virtude desta nova alianza, ambos os xogadores formarán equipo con Santi Méndez, actual coordinador da área, prestando apoio e asesoramento técnico, loxístico e promocional na Escola e noutras iniciativas vinculadas á sección, como poden ser os torneos e eventos.
Ademais, tamén participarán na organización do Open Estrella Galicia, un torneo que este ano busca dar un salto de calidade competitiva e no que colaborarán achegando toda a súa experiencia, profesionalidade e frescura.
O presidente do Club, Ricardo Álvarez, destacou a importancia deste acordo xa que «supón un cambio de rumbo na sección e unha gran oportunidade de revitalizala e abrila a novos horizontes, buscando sempre a excelencia deportiva e social para todos os nosos socios».