Minitenis (4-6 anos)

Esta etapa céntrase no desenvolvemento da psicomotricidade, a familiarización cos elementos do tenis (raqueta, pelota, rede, pista) e cuns fundamentos moi básicos da técnica. O obxectivo principal é o xogo e a diversión. Utilízanse pelotas punto vermello e as pistas de maneira transversal.

O adestramento impartirase en 1 ou 2 días as fins de semana.

Iniciación e desenvolvemento (6-9 anos: pre-benxamín)

Os obxectivos desta etapa son introducir o alumno ao xogo do tenis (sistema de puntuación), así como o establecemento de fundamentos técnicos sólidos (empuñaduras, preparacións, apoios, axustes...) que permitan desenvolver unha boa biomecánica do golpe. A consolidación das regras fundamentais do xogo acompañarase dunha introdución a cuestións tácticas moi básicas. Utilizaranse bólas de baixa presión (punto laranxa e/ou punto verde)

Esta etapa supoñerá un adestramento de habitualmente 2 días semanais.

Tecnificación e consolidación (9-12 anos: benxamín e alevín)

Os obxectivos desta etapa son a consolidación dos fundamentos técnicos e unha paulatina vinculación dos mesmos coas características persoais de cada xogador e a identificación de padróns de xogo e tácticas. O compoñente mental e emocional empezará a ter algo de atención así como os protocolos de quecemento e estiramento.

Esta etapa supoñerá un adestramento de 3 días semanais.

Perfeccionamento (12-17 anos e/ou adultos)

Esta sección está concibida para mozos ou adultos que buscan o lado lúdico deste deporte. O obxectivo será, por tanto, desenvolver as bases, técnicas, tácticas e físicas do tenis buscando un xogo máis social que competitivo onde os dobres terán o seu protagonismo.

As clases de tecnificación impartiranse durante 2 días semanais (habitualmente martes e xoves)