Con este xesto queren agradecer a axuda que recibiron da entidade durante o proceso de recuperación do seu fillo, afectado por unha leucemia.
Chámase André, ten 3 anos e gústalle vir ao Club coa súa familia. André é un neno moi especial, ”unoentrecienmil” ao que o verán pasado detectáronlle unha leucemia que aínda hoxe está a tratar de superar.
A súa nai, Paula, explícanos que foron uns meses moi duros porque “a vida cámbiache dun día para outro e de súpeto todo se paraliza”. Médicos, hospitais, probas e máis probas, medo, incerteza?pero tamén hai momentos para a esperanza, a solidariedade e para ver o mundo desde outra perspectiva.
Máis aló dos profesionais sanitarios, aos que agradece todo o seu traballo e implicación, descubriu que tamén hai outras persoas dispostas a pór o seu granito de area para que estes nenos e as súas familias non sentan sós no camiño.
A fada madriña de André veu en forma de asociación, Asanog (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia) que, xunto co persoal médico, velou para que a el, aos seus pais e ao seu irmán non lles faltase de nada durante a súa estancia no hospital: aloxamento para poder estar preto del, comida, axuda psicolóxica, xogos, material educativo e sobre todo, moito, moito agarimo.
Oito meses despois e coa enfermidade case superada Paula sorrí e sente agradecida. Por iso, decidiu colaborar con esta asociación organizando un mercadillo solidario co que pretende visibilizar o seu labor e devolverlles un pouquiño do que lle deron.
Hoxe André corre de novo polo Club e á súa nai gustaríalle convidar a todos os socios a que se somen a esta iniciativa doando libros, xogos de mesa e quebracabezas que se poderán entregar até o día 30 de xuño en conserxería.
Todo o material porase á venda nun evento moi especial que se celebrará no mes de setembro no Amorne-Cambre e que contará tamén coa axuda de varias entidades e centros educativos da zona que funcionarán como punto de recollida das doazóns. A recadación destinarase integramente a esta asociación e á loita contra o cancro infantil.
Ademais, o RCTC organizará a finais do mes de xuño unha nova edición do seu Trofeo de Tenis Jael que terá un carácter solidario en beneficio desta asociación. Este torneo celébrase grazas ao compromiso e ao esforzo da prestixiosa asina xoieira que lidera Chema Fernández, presidente tamén de Asanog.
Paula quere agradecer ao Real Club de Tenis Coruña, a Jael Joyería, demais entidades e socios do Club a súa colaboración nesta causa.
Porque como ben di, ”a enfermidade dun fillo é un dos maiores golpes que che pode dar a vida. Hoxe tocounos a nós pero mañá pode ser outra familia”.
Para máis información podedes contactar con Paula Souto no teléfono: 627744428