Kiko González comunicou este luns á Dirección do RCTC a súa decisión de abandonar a entidade como responsable da área de pádel para iniciar un novo proxecto profesional, despois de tres anos de traballo nos que conseguiu consolidarse como un dos adestradores e xogadores de referencia en Galicia.
Kiko xa compartiu a través das súas redes sociais o seu agradecemento e agarimo ao club polos anos que formou parte del:
«Hoxe tócame comunicar unha triste noticia e é que chegou o momento de pór punto e final á miña relación laboral co Real Club de Tenis Coruña. Só teño palabras de agradecemento para a familia do Club, foron 3 anos cheo de experiencias e emocións, bos e malos momentos… pero sobre todo 3 anos que resumo en APRENDIZAXE e CRECEMENTO que pon o broche final a esta bonita etapa da miña vida.
Síntome tranquilo e satisfeito por sacar o mellor de min, tanto no persoal como no profesional, tanto dentro como fóra da pista…e pido perdón polos erros que puiden cometer, todo formou parte da aprendizaxe. Lévome un recordo incrible de todos os socios, compañeiros, directiva, alumnos…fixéstelo todo moi fácil e foi un verdadeiro pracer poder compartir o meu día a día convosco. Creo que é moi importante facer crecer o teu círculo con persoas que realmente che axudan a brillar e do club lévome a moitas desas…
Grazas de novo ao club que me viu crecer e que me brindou esta gran oportunidade, sempre ocuparedes un oco no meu corazón. Estou seguro de que isto non será un adeus senón un até logo…».
O RCTC quere agradecerlle o seu magnífico labor, o seu compromiso e contribución ao crecemento da nosa entidade. Desexámoslle os mellores éxitos persoais e profesionais nesta nova etapa que inicia e lembrámoslle que as portas do Club sempre estarán abertas para el porque esta será sempre a súa casa.
Tras a súa saída, a área de pádel estará liderada por Tonecho Añón, Director Deportivo do Club, quen será o responsable de reorganizar a sección.