O RCTC recibiu o pasado sábado, 9 de decembro, o premio especial ao Mellor Club do 2022-23 durante a XXXIII Festa do Tenis Galego. O evento, organizado pola Federación Galega de Tenis, celebrouse nun coñecido restaurante de Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.
Este galardón é un recoñecemento aos méritos deportivos obtidos durante a tempada 2022-23, así como ao labor de organización de importantes torneos, todos eles de referencia na súa categoría. Como Club anfitrión, o RCTC albergou nas súas instalacións o torneo Jael Joyería (integrado no circuíto IBP), o Warriors Tour (un dos circuítos xuvenís nacionais de máis prestixio) e o Torneo Galego Absoluto 2022 (que volveu ás nosas pistas despois de máis de 15 anos de ausencia). Tamén destacar a recente incorporación do Torneo Internacional Sénior ITF – Lexus Galicia.
En canto ao palmarés, o noso Club conseguiu 15 títulos por equipos en todas as categorías de idade no 2022, 14 títulos en 2023 e catro subcampeonatos. Ademais, varios dos nosos xogadores/as gañaron diferentes títulos individuais.
Iago Fernández-Reija, adestrador e Director de competición do RCTC, foi o encargado de recoller o premio en nome da nosa entidade, mostrándose así de emocionado: «Este premio é a recompensa ao esforzo e ao traballo de todo un equipo. A nosa Escola é desde hai moitos anos todo un referente en Galicia e os nosos alumnos son a alma deste Club. As súas ganas de aprender, de mellorar, o seu compromiso e os seus valores fan que este recoñecemento sexa hoxe posible. Pola miña banda, e levando media vida na miña casa, porque así a considero, manteño a mesma ilusión que o primeiro día. Sentimos moi honrados por este galardón, que nos anima a seguir crecendo e mellorando».
O RCTC agradece á Federación Galega de Tenis este premio e damos tamén os nosos parabéns ao resto de premiados.