Uxía Martínez (Universidade de Oregón) e Eva Álvarez (Washington State University) participaron nos “Ita North-West Rexional Championships”
As nosas xogadoras, que actualmente compiten en División I e nunha das conferencias máis potentes (PAC-12) de USA, coincidiron hai uns días na Universidade de Stanford onde tivo lugar a competición que agrupa a todas as universidades da zona noroeste do país, entre as que se atopan grandes nomes como a Universidade de California-Berkeley, UCLA, San Francisco, Arizona, Colorado etc.
Tanto Eva como Uxía demostraron un gran nivel competitivo, nun torneo individual que se xoga nun formato clásico de cadro eliminatorio, perdendo ambas moi axustadas con dúas cabezas de serie, Alexis Blokhina (Stanford, nº1 JR. USA e nº 25 JR. ITF) e Katja Wiersholm (Cal-Berkley, nº 74 JR. ITF), respectivamente.
As dúas atópanse en USA gozando dunha bolsa deportiva que lles permite compaxinar unha carreira universitaria coa práctica do tenis de alto nivel, do mesmo xeito que outras alumnas da nosa Escola de Tenis RCTC-British International School como son: Paula Casares (Le Moyne College), Ainara Vegal (State College of Florida), Adriana Subías (Delta State University), ou como tamén fixeron no seu día Luis Fernández Labarta (Florida Atlantic University) ou Kilian Salgado.
Estas bolsas son unha gran oportunidade para estes mozos deportistas porque, grazas a elas, poden adestrar e competir en universidades americanas que dispoñen de moi boas instalacións e que contan cun sistema deportivo totalmente integrado no ámbito académico, algo moi difícil de atopar en España e en Europa.
Canto mellor é o nivel do deportista, maior é a bolsa á que se pode aspirar, pero hai tantas universidades e tantas bolsas dispoñibles (totais ou parciais), que non fai falta ser dos mellores en España para poder optar a unha delas. Calquera mozo ou moza que complete o seu ciclo formativo na nosa Escola e consiga un bo nivel rexional é un gran candidato.
Os mozos que se animen a seguir este camiño obterán un título universitario e dominarán un idioma, algo absolutamente imprescindible hoxe en día. Ademais, vivirán unha experiencia internacional inesquecible que lles permitirá desenvolver e adquirir habilidades e competencias esenciais para afrontar os novos retos do mercado laboral e da nosa sociedade.
As familias interesadas en obter máis información sobre o tema podedes contactar con Iago Fdz-Reija (Dtor. de Competición) ou Tonecho Añón (Dtor. Deportivo e de Xestión), quen vos facilitarán os nomes dalgunhas das axencias especializadas na xestión deste tipo de bolsas.
A Escola de Tenis do RCTC conta coa colaboración de British International School.