O Real Club de Tenis Coruña continúa co proceso de remodelación e mellora das súas instalacións que iniciou o ano pasado co fin de ofrecer un mellor servizo a todos os seus socios.
Nesa liña, este mes ten previsto acometer os traballos de renovación de todo o sistema de iluminación das pistas de tenis quick, pádel e polideportiva para substituír os focos halóxenos por tecnoloxía LED. Isto inclúe a instalación dun novo cadro xeral eléctrico e un novo sistema de cableado, xa que os actuais están totalmente obsoletos.
O consumo eléctrico por iluminación estímase que se reducirá un 50% cunha mellora do nivel de luminosidade de case o 100% en pistas de pádel. En canto ás pistas de tenis, suporá un antes e un despois xa que os actuais focos excederan con fartura a súa vida útil e o seu rendemento estaba moi por baixo de calquera estándar mínimo aceptable.
A nova iluminación LED, similar á xa instalada na pista cubertas de tenis terra, ademais de ter unha vida útil moito maior implica vantaxes adicionais en canto a eficiencia ao ser menos contaminante luminicamente.
As pistas 1 e 2 de terra reutilizarán os focos halóxenos das pistas de pádel (ao ser os que están en mellor estado) ata que se concrete o proxecto definitivo que será obxecto de debate na Asemblea Xeral Extraordinaria do próximo día 20 de outubro.
O investimento, que roldará a cifra dos 75.000 €, retornarase en boa parte grazas ao aforro enerxético.