O RCTC, en colaboración co British International School, organizou na primeira semana do ano un torneo de tenis federado para benxamíns e alevíns. Da mesma forma promoveuse unha proba sub-14 non federada, dirixida principalmente aos nenos e nenas do centro educativo, na que reinou o bo ambiente e a deportividade.
Na categoría benxamín masculina destacou o gran nivel dos xogadores/as e a participación na proba de consolación. Diego Becerra e Diego Pellegrino xogaron unha final que se resolveu no tie-break. Nas categorías alevíns a igualdade foi máxima durante toda a competición. Leo Sánchez, en mozos, venceu ao xogador do RCTC Thiago Salgado. Yaiza Quián, tamén do RCTC, gañou á súa compañeira de equipo Laura López.
A entrega de premios contou coa presenza do Director do British International School, Dominic Abbott, quen destacou a importancia de todos e cada un dos participantes neste primeiro torneo de Ano Novo independentemente dos resultados de cada xogador. As probas de consolación, e a súa entrega de premios con medallas, foron a mellor mostra das súas palabras.
Agradecemos a colaboración de British International School nesta iniciativa e, en especial, o seu apoio e implicación coa nosa Escola de Tenis.