Varios alumnos e alumnas de 3º curso da ESO e de 1º de TEAS (Técnico Superior en Ensino e Animación Sociodeportiva) do colexio Liceo A Paz visitan estes días o noso Club como actividade complementaria á materia de Educación Física.
Este programa de visitas escolares, que se organiza grazas á colaboración de Ángela Rodríguez Piñón, socia do Club e profesora do centro, ten como obxectivo desenvolver, en situación real, contidos da programación, concretamente na unidade didáctica de deportes de raqueta.
A actividade comeza cun percorrido guiado polas nosas instalacións onde os alumnos/as teñen a oportunidade de coñecer de preto as nosas pistas de terra batida e, en especial, a pista central, testemuña histórica da fase eliminatoria da Copa Davis que se celebrou no ano 1998.
A continuación, os estudantes disputan varias competicións de tenis e pádel co fin de experimentar de forma lúdica diferentes situacións de xogo en distintas superficies: terra batida na actividade de tenis e herba sintética na actividade de pádel.
Esta iniciativa, ademais de promover a práctica do tenis e do pádel entre o alumnado, ten como finalidade dar a coñecer algúns valores esenciais do deporte, como son o esforzo, o fair play ou o traballo en equipo.