Un grupo de alumnos e alumnas da nosa Escola de Tenis desprazouse a semana pasada a Madrid para disputar a primeira proba do circuíto nacional Warriors Tour, nas instalacións da Cidade da Raqueta.
No torneo déronse cita algúns dos mellores xogadores infantís e xuvenís de España que acudiron á proba con gran ilusión a pesar de coincidir nunha data tan complicada como a de Reyes.
Durante a súa estancia en Madrid, os nosos mozos deportistas adestraron diariamente e competiron a un gran nivel, demostrando estar á altura do resto de xogadores/as do panorama nacional.
En canto aos resultados, destacar a boa actuación de Noa Pena que se proclamou campioa do título de dobres infantil xunto coa xogadora Paula González, aínda que nos cuartos de final do individual acabou cedendo no súper ante a campioa do torneo.
Pola súa banda, Yeray Quián e Nicolás Bellas, conseguiron acceder á final de dobres disputando un gran partido mentres que Clara Arambillet caía en cuartos de final no cadete individual nun partido moi axustado. Clara conseguiu alcanzar as semifinais de dobres xunto á súa compañeira e amiga, Blanca Trillo, aínda que o cansazo do partido de individuais terminou pasándolles factura, cedendo ante a parella rival.
Finalmente, Jorge Álvarez e Amina Bekova caeron en primeira rolda en dous partidos moi rifados aínda que demostraron un gran nivel competitivo.
Para os nosos xogadores/as esta viaxe resultou unha experiencia en grao sumo positiva xa que, ademais de adestrar e competir, puideron gozar duns días de convivencia nunha contorna deportiva diferente e pór en práctica algúns dos valores da nosa Escola de Tenis como son o compañeirismo, o “fair-play” ou o traballo en equipo.
A próxima parada Warriors Tour será en Alacante, coincidindo coa Semana Santa e todos eles xa están de novo adestrando e con ganas de repetir.
Iago Fernández-Reija, adestrador e Director da Escola de Tenis do RCTC.
A Escola de Tenis do RCTC conta coa colaboración de British International School.
Na imaxe inferior: Noa Pena (campioa de dobres infantil feminino)