A tenista galega, Jessica Bouzas, actualmente número 58 do ranking mundial da WTA, visitará as instalacións do RCTC o próximo 4 de abril para impartir un clínic aos alumnos da Escola. Ademais, a xornada incluirá unha charla na que a xogadora compartirá as súas vivencias e experiencias ao longo da súa carreira.
Bouzas naceu en Vilagarcía de Arousa en 2002 onde comezou a xogar ao tenis con tan só 5 anos. Durante a súa etapa infantil e xuvenil, Jessica frecuentou en numerosas ocasións o noso Club, participando en diversos torneos que nos deixaron momentos memorables en pista que daban mostra do seu enorme potencial.
O seu talento non pasou desapercibido e con 13 anos recibiu unha bolsa da prestixiosa Academia Ferrer en Jávea (Alacante), onde proseguiu a súa formación para converterse en profesional. Alí deu os primeiros pasos a nivel internacional como junior e posteriormente en categorías absolutas, comezando unha carreira imparable que a levaría a situarse entre as mellores tenistas do mundo.
O seu brillante palmarés inclúe 7 títulos en categoría ITFjunior, 11 de categoría ITF e 1 do circuíto WTA (W125) en Turquía. Ademais, en 2017 proclamouse campioa de España de cadete na modalidade de dobres xunto coa xogadora do Real Club de Tenis Coruña Uxía Martínez. O 2024 foi o ano da súa consolidación, irrompendo no top 100 e situándose no ranking 55 WTA.
Un dos momentos máis destacados chegou en xullo, cando logrou eliminar á campioa vixente de Wimbledon, MarketaVondrousova, no partido de apertura do torneo en Céntrea Court do lendario e exclusivo AllEngland Club. Este fito non se producía desde 1994, cando LoriMcNeil venceu a SteffiGraf. A deportista pontevedresa liderará no mes de abril ao equipo nacional representando a España ante Chequia na Billie Jean King Cup.
O programa da súa visita comezará pola mañá nas instalacións do Club onde Jessica Bouzas participará nunha reportaxe fotográfica como imaxe da prestixiosa marca galega Jael Joyería, patrocinadora oficial do Real Club de Tenis Coruña. Xa pola tarde, realizará o clínic para os alumnos da Escola e a continuación terá lugar unha charla no salón social onde falará sobre a súa carreira como tenista profesional.
O Real Club de Tenis Coruña quere expresar o seu máis sincero agradecemento a Jessica Bouzas pola súa visita e por facer un oco na súa apertada axenda. A súa presenza é unha oportunidade única para os nosos novos tenistas, quen terán a ocasión de coñecer de preto a unha das figuras emerxentes do tenis mundial.
Por último, dar as grazas a Jael Joyería, Maximino Seoane-Ingeniería y Soluciones Industriales y a Adegas Valmiñor polo seu apoio na celebración do clínic. O patrocinio destas empresas e o respaldo de institucións como o Concello de Oleiros é crucial para seguir promovendo o tenis e brindando oportunidades ás futuras promesas do deporte.
(Na imaxe inferior, Jessica e Uxía co trofeo de Campionas de España Cadete de Dobres 2017)

